GL | ES
Compostela Tech Open Spaces 2019

Así foi o primeiro Open Space de
Compostela Tech

Publicado o 12 de xullo de 2019

O pasado sábado 6 de xullo celebramos o primeiro Compostela Tech Open Space dentro do marco da Maker Faire Galicia. Para nós foi un evento moi especial xa que era o primeiro que organizabamos xuntos, sen que fose impulsado por algunha das asociacións e grupos tecnolóxicos que compoñen Compostela Tech.

A idea do formato Open Space é, que baixo o paraugas da tecnoloxía, se elixen varios temas de xeito democrático para logo debatelos entre todos. En primeiro lugar, os asistentes presentáronse aos demáis e logo propuxeron os temas dos que lles interesaba falar. Unha vez tivemos todos os temas escritos pasamos a votalos, e tras o reconto, comezamos a debater as temáticas con máis puntuación.

Como demanda o formato do Open Space, o primeiro de todo foi a tormenta de ideas para elixir os temas a falar. Todos e cada un dos participantes foi libre de dicir de que idea quería falar e, posteriormente, votamos as ideas para elixir as temáticas que íamos falar entre as gañadoras.

De que se falou no primeiro Open Space?

A muller e o sector tecnolóxico

Un dos temas máis votados e debatidos foi a presencia da muller nos sectores tecnolóxicos, abordados especialmente dende o punto de vista laboral pero tamén de divulgación e social.

Durante este debate escoitamos a mulleres de idades moi diversas que aportaron o seu punto de vista sobre a tecnoloxía. Tivemos a sorte de contar con dúas co-organizadoras de GDG Santiago que son ademais Women TechMakers Ambassadors, e tamén se levou a debate a necesidade ou non de ter agrupacións que loiten pola visibilidade da muller na tecnoloxía.

Foi enriquecedor a mestura de opinións das persoas que asistiron a este debate, pois moitas se atreveron a compartir o seu punto de vista.

Educación e tecnoloxía

Como debe xestionarse a tecnoloxía no ámbito educativo? Como deben usar os máis cativos as ferramentas tecnolóxicas?

Estas e moitas máis foron algunhas das preguntas que debatiron os asistentes. Durante este debate o rango de idade dos presentes foi o máis amplo de todo o Open Space, xa que contamos coa opinión de varios rapaces e rapazas que están a estudar no instituto. Foi salientable tamén a presenza dun profesor con moitos anos de experiencia e que aportou a súa visión da tecnoloxía na evolución da educación.

Aportáronse moitas ideas pero o tempo botóusenos enriba. Por exemplo, algúns dos asistentes querían ter falado do uso da tecnoloxía no traballo, como o dereito a desconectar as notificacións laborais ou o tele-traballo. Tamén se votaron temas como a ditadura das reviews de locais de restauración, o comercio online ou as consecuencias da moda en tecnoloxía.

¿Que aportou o evento ao equipo de Compostela Tech?

Este Open Space dounos dúas cousas moi importantes. Por un lado, puidemos achegarnos ao público para falar sobre a tecnoloxía no día a día e para comprobar que hai interese en debater estes temas. Por outro lado, permitiunos unirnos máis como equipo, xa que non hai que esquecer que Compostela Tech naceu fai poucos meses e moitos de nós non tiñamos compartido tempo xuntos.

E agora? Vémonos na seguinte!

Non podemos rematar sen agradecer á organización da Maker Faire Galicia por facernos un oco na súa programación, facilitando todo o posible a realización de este evento, e ás pequenas comunidades de Compostela Tech que máis estiveron empurrando o evento como foron GDG Santiago, XantarDev e Recuncho Maker, ademáis das persoas que, sen formar parte da organización de ningunha das comunidades que a conforman, loitan cada día por seguir adiante con Compostela Tech.

Sendo a nosa primeira vez esperabamos que a participación fose moi baixa pero a verdade é que levamos unha sorpresa agradable, xa que chegamos a estar debatendo máis de 30 persoas. É moi probable que repitamos o evento, permanecede atentos :)

¿Queres coñecer o que se fala de tecnoloxía en Compostela? Síguenos no Twitter de Compostela Tech e conecta connosco na nosa canle de Slack.

Sobre CompostelaTECH

Compostela Tech é unha agrupación de comunidades tecnolóxicas de Santiago de Compostela, sobre desenvolvemento de software e hardware, legalidade dixital, makers, etc, co simple obxectivo de fomentar a divulgación da tecnoloxía e visibilizar o traballo de profesionais e interesados nestas temáticas.